Madrugadorxs O Pino
O Pino deséxavos bo Nadal!

Ola familias! Como non podía ser doutra forma, estes días en O Pino dedicámonos a preparar o Nadal. Bonecos de neve, adornos e panxoliñas encheron a aula e asolagáronnos de espírito do Nadal.
Nestas datas como noutras, non hai nada comparable á satisfacción de facer as cousas con nosas propias mans, así que nos propuxemos que o Nadal nas nosas casas teña un toque máis que persoal. Para iso fixemos unhas tarxetas con forma de boneco de neve na que plasmar o noso desexo do Nadal, unha árbore de Nadal en papel para colgar, e un simpático papá Noel que abraza os nosos lapis, rotuladores ou o que queira que gardemos entre os seus brazos.
Con agarimo desexámosvos a todas e a todos un bo Nadal e un próspero ano novo!!
25N en O Pino
Ola familias! A semana pasada conmemoramos o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Nós tamén quixemos facelo, e para iso escoitamos o conto «Hai algo máis aburrido que ser unha princesa rosa?»
Despois de escoitalo falamos bastante del e todxs estivemos de acordo en que debía ser moooooi aburrido ser como querían que fose Carlota, a protagonista da nosa historia, e que todas as princesas poden facer o que queiran, ninguén lles debe poñer límites, así que quixemos facerlle un favor e vestila como a ela gústalle.
Carlota é unha princesa rosa, pero está cansada de selo e non quere pasarse o día bicando sapos para ver se realmente son príncipes. Por que non pode ela rescatar príncipes das garras de lobos feroces ou sucar os mares en busca de aventuras?
Esta é a historia de como Carlota e o resto de princesas puideron deixar de ser princesas rosas porque… Hai algo máis aburrido que ser unha princesa rosa?
Ata pronto!

En O Pino seguimos o ritmo!

Ola familias! Esta semana en Madrugadorxs O Pino decidimos que, aínda que non podamos movernos do noso sitio nin achegarnos aos demais, si que podemos movernos sen desprazarnos! E iso que significa? Pois que gozamos dunha das nosas cousas favoritas, a música, sen descoidar a seguridade.
Sen movernos do noso sitio, levantámonos e bailamos unha canción tras outra, rimos, cantamos e pasámolo en grande.
Por suposto, complementamos o baile coas nosas habituais actividades de debuxo e pintura, que por petición popular nunca poden faltar.
Ata a semana que vén! Mentres tanto… Botamos un baile?
Adivina, adiviña. O Pino resolve!
Ola familias! Novamente, e como é habitual mentres dure esta situación, a semana estivo marcada polo xogo individual.
Para primaria aproveitamos as cores para repasar táboas de multiplicar, con resultados moi artísticos.
En infantil optamos polos números e cores simples, cun final non menos interesante.
Entretivémonos moito con quebracabezas e pasatempos, aínda que os nosos preferidos seguen sendo os enigmas.
Deixámosvos algúns dos que resolvemos entre todos, seredes capaces de atopar a solución como nós?
– Se un galo situado enriba dun tellado pon un ovo e o vento sopra cara á dereita, cara a onde cae o ovo?
– Como se saca un elefante dunha piscina?
– Que animal salta máis alto que unha casa?
– Cal é o animal que ten máis dentes?
Deixámosvos pensando. Ata a semana que vén!

O Pino prepárase para Samaín

Ola familias! Despois do empuxón inicial, aquí estamos, en madrugadorxs O Pino, con forza, enerxía e ganas de comernos o mundo.
Desde agora, semana a semana, estaremos convosco para informarvos de todo un pouco e, sobre todo, ensinarvos as cousas marabillosas que fan vosxs peques.
Como sabedes, durante a primeira etapa centrámonos na organización e afacernos á nova situación. Son moitas as cousas que cambiaron desde o ano pasado e toca asumilo.
Estivemos debuxando, recortando, pegando e xogando sen movernos do noso sitio. Fíxosenos raro ao principio, pero agora forma parte da nosa rutina diaria.
Pasatempos e enigmas tomaron protagonismo, hai que ver o que nos gustan os retos!
Tampouco descoidamos a creatividade, aínda que coas restricións propias da situación, que non nos permite confeccionar nada equipable (gorros, máscaras e similares). Por iso, para Samaín fixemos un adorno para decorar a porta da nosa casa ou unhas arañas que non estamos seguros de sen son horribles ou moi cuquis, xulgade vós!
Vémonos a semana que vén. Feliz Samaín!
Benvidas e benvidos, peques de O Pino!
Ola familias! Un ano máis, comeza o curso en O Pino, e desde madrugadorxs dámoslle unha benvida repleta de cambios por mor da situación que estamos a vivir.
Con algúns cambios na dinámica, pero coas mesmas ganas e ilusión, damos comezo a esta tempada onde se lle dá prioridade á seguridade e hixiene, aínda que sen descoidar o entretemento, a diversión e a creatividade.
Durante o mes de setembro estivémonos adaptando ás novas normas, lembrando como lavar as mans ou usar a máscara correctamente, e realizando diversas actividades, entre as que se atopa un porta máscaras para gardar a nosa máscara de forma segura, que é unha das cousas que máis imos necesitar este curso escolar.
Cabe destacar que este curso vai estar enfocado ás actividades e xogos individuais ou grupais sen contacto para garantir a seguridade dos cativos.
Afortunadamente todas e todos son xeniais! E estanse adaptando de marabilla, así que se merecen un enorme aplauso.
En marcha e adiante!
