CUNTILÍN NADAL

Ola, familias!

No Cuntilín de Nadal pasámolo moi ben e fixemos gran variedade de actividades, todas elas moi divertidas. Realizamos un taller do apalpador, escribimos a carta a papá Noel, levamos a cabo obradoiros como: felicitacións tridimensionais, marionetas, disfraces…  e outros con materiais de reciclaxe como: bastóns con corchos.

Por outro lado, tamén xogamos a “pon o naris a Rudolf”, “buscando as estrelas”… e  tivemos celebracións como a de fin de ano cos nosos antifaces e gorros  ó ritmo da música.

Para poñer o broche final, incluso recibimos a visita dos Reis Magos de Oriente, que chegaron por sorpresa ó Cuntilín para escoitar de propia voz dos nosos nenos e nenas os agasallos que lles pedían.

SUPERAMOS NOVEMBRO CON ESFORZO E TRABALLO!

E chegou novembro ao Taller de Escolaridade do Concello de Dodro e con el as choivas, o frío, os temporais, as tarefas escolares e os exames!

 Foi un mes cheo de traballo para o alumnado de primaria que aos poucos e con esforzo foi facendo fronte a este mes para superalo con éxito.

Aínda que estivemos moi ocupados e ocupadas cos retos escolares do mes de novembro, nada nos impediu facer a nosa pequena parede conmemorativa do 25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres porque hai cousas que si que importan e moito: STOP VIOLENCIA DE XÉNERO!

Esperámosvos para decembro que seguro que nos depara moitas novidades!!

COMEZAMOS UN CURSO MÁIS NO TALLER DE ESCOLARIDADE DO CONCELLO DE DODRO.

Voltamos un curso máis coas enerxías renovadas despois do parón que nos obrigou a tomar o COVID-19. Tomando todas as precaucións sanitarias recomendadas de limpeza, ventilación, hixiene, aforo,… seguimos realizando as tarefas escolares diarias e  outras  actividades de reforzo para poñernos ao día con todo o que quedou pendente do curso pasado.

Polo si ou polo non e aproveitando o Samaín tanto en Imo como en Teaio invocamos aos espíritos con esconxuros que o alumunado tivo que realizar para levar ao cole e así botar ao coronavirus ás cunetas!! Tan ben o fixemos que ata un esqueleto visitounos na aula de  Teaio. Que medo!!

Lecer Nadal en O Pino

Ola familias!

Un ano máis, terminamos o noso campamento de Nadal, Lecer Nadal. Foron uns días intensos, con moitas emocións e alegrías. Xogamos, rimos, cantamos… ata nos transformamos en animais! Grazas a todas as cousas que fixemos, temos a árbore de Nadal rebosante de adornos. E é que temos desde un bastón de caramelo ata un Papa Noel de cartón ou unhas coroas que nos fixeron vestir a maxia do Nadal.

Aprendemos o que significan as 12 uvas e celebramos eses días especiais cos nosos amigos, ademais de facelo coa familia.

Máis dun día volvemos a casa coa cara e os brazos decorados despois de rirnos unha chea con esas orixinais transformacións, e é que calquera momento é bo para rir e gozar!

Como todo o bo chega ao seu fin, este ano terminóullenos, pero esperamos volver vernos o ano que vén.

Feliz Ano a todxs!

Concilia Nadal Pontecesures 2019 / 2020

Este Nadal varios nenos e nenas de entre tres e doce anos déronse encontro no anexo do pavillón municipal, onde aproveitaron para entablar novas amizades e reforzar aquelas que xa fixeran en verán.

Durante estes días tiveron a oportunidade de crear os seus propios adornos de Nadal, que este ano encheron os seus fogares. Ademais, coñeceron así tradicións doutros lugares nestas datas, crearon a súa propia árbore de Nadal e, por suposto, xogaron.

Tamén tiveron a oportunidade de coñecer ós Bolechas e incluso ó Alcalde! Que veu facernos unha visita.

Non podía faltar tampouco un Obradoiro sobre os Santos Inocentes, encántannos as bromas!

No Concilia Nadal tamén quixemos despedir o 2019 por todo o alto así que creamos os nosos propios accesorios para despedir o ano e fixemos as nosas propias badaladas, xa estabamos listos para o 2020!

Antes da noite de Reis, creamos os agasallos que lles queriamos facer e escribimos a nosa carta para que non se esquecesen de nada.

O último día, aproveitamos para despedirnos ata a próxima cunha gran festa e fixemos un Obradoiro de cociña onde dende os máis pequenos tiveron a oportunidade de poñerse mans á masa!

Sen dúbida, foron uns días de Nadal para non esquecer!